Arrinca a campaña E logo! coa distribución de material dixital e descargas de balde na Rede

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe a segunda edición da Xeración E logo!A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, vén de presentar a segunda edición da Xeración E logo!, unha iniciativa encadrada na campaña xeral de promoción da lingua galega que pretende fomentar a transmisión deste idioma entre pais e nais cos seus bebés.

Logo da boa acollida acadada o ano pasado, nesta ocasión os responsables teñen previsto chegar a unhas 15.000 familias cuns materiais que se van distribuír a través da rede de centros do Servizo Galego de Saúde para todas as mulleres embarazadas.

Na consulta do seu médico, as futuras nais recibirán un maletín con información, consellos para o embarazo, un caderno de xestación, unha escolma de nomes galegos de neno e de nena, recitativos para o bebé e un CD que este ano se renova respecto do que se entregou na anterior edición. En Aloumiños de seda, Abe Rábade púxolles música a seis poemas doutros tantos autores galegos. Ademais, o maletín inclúe outra novidade, un adhesivo deseñado polo debuxante Kiko Da Silva para lles pedir precaución aos condutores e sinalizar a presenza no coche do bebé.

Este novo CD co que se agasalla ás familias, Aloumiños de seda, inclúe seis pezas musicais orixinais compostas polo pianista Abe Rábade, para os poemas Flor de Liño, de Anxo Angueira e María do Cebreiro, Canción das tres culleres, de Luís Pimentel, Trigo e Estrelas, de Helena Villar e Xesús Rábade, Auga Limpa, de Rosalía de Castro, Onde vai a miña nena, de Manuel Leiras Pulpeiro e o poema popular Non hai berce como o colo. Nas voces participaron Guadi Galego, que interpretou na presentación de hoxe varios temas con Abe Rábade ao piano, Ramón Bermejo, Joana Machado e Terela Gradín. Ademais, participan os músicos Perico Sambeat, Virxilio da Silva, Nelson Cascais, Bruno Pedroso e Marcos Vázquez.

“Anenotario” e participación na web

Todos os materiais escritos que se entregan neste maletín da Xeración E logo! 2008 están dispoñibles para a descarga na web da campaña www.palabrasencadeadas.com. Dentro deste sitio web, e asociado a esta iniciativa, ponse en marcha o Anenotario, un espazo de participación para que pais e nais compartan as anécdotas dos seus cativos. As mellores “anénotas” terán premios en forma de libros, música e materiais para o lecer infantil en galego.

0 comentarios: