Innovación e Industria publica dúas novas ordes de axudas para impulsar a sociedade da información

O Diario Oficial de Galicia publica este venres dúas ordes da Consellaría de Innovación e Industria para a concesión de axudas. A primeira delas está destinada aos investimentos das empresas en materia das TIC e a segunda a actuacións de difusión e formación para a implantación da sociedade da información no marco do PEGSI e do Plan Avanza.

Estas axudas foran presentadas o pasado venres polo conselleiro, Fernando Blanco. A primeira liña convócase en réxime de concorrencia competitiva e vai destinada a empresas privadas con ánimo de lucro e empresarios individuais que teñan a súa sede social ou centro de traballo en Galiza. Hai catro posíbeis áreas de subvención: a) Infraestrutura interna das empresas; b) Aplicacións informáticas; c) Apoio ao desenvolvemento do sector TIC e d) Formación técnica e promoción do sector TIC.

O orzamento total das subvencións, cofinanciadas nun 80% con fondos FEDER, é de cinco millóns de euros, cun máximo de 80 mil por solicitante, que pode ascender a 160 mil para as factorías de software certificada CMM nivel 2. A meirande parte do importe lévana as axudas da liña B, con 2.750.000 euros, seguida da C, cun millón de euros, a A, con 750 mil e a D, con medio millón de euros.

Todos os detalles sobre a convocatoria pódense consultar na páxina da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
A segunda orde, que subvenciona accións de formación, difusión e desenvolvemento de contidos no ámbito das TIC, ademais de promover a produción de contidos dixitais en lingua galega, vai destinada a entidades sen ánimo de lucro.

As cinco liñas de axudas en que se divide son para a) Actuacións de promoción e difusión da Sociedade da Información; b) Actuacións formativas dirixidas á cidadanía en xeral; c) Actuacións formativas especializadas no ámbito das TIC; d) Actuacións formativas dirixidas ás pemes e e) Xeración de contidos dixitais.

O orzamento total é de 2,3 millóns de euros, cofinanciado con fondos do Plan Avanza. Desa cantidade, resérvanse 300 mil euros para cada unha das liñas A á D, e 1,1 millóns de euros máis para a E. Estas axudas son compatíbeis con outras subvencións públicas ou privadas, e poderán acadar o 85% dos investimentos subvencionábeis, até un máximo de 45 mil euros.

0 comentarios: