O Centro Ramón Piñeiro pon na rede a biblioteca virtual das letras galegas

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presentou a nova web da Biblioteca das Letras Galegas, que terá o enderezo letrasgalegas.org. O espazo nace coa vocación de se converter en referencia sobre o patrimonio literario galego dende a Idade Media até a actualidade. A iniciativa foi desenvolvida pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes en colaboración co Centro Ramón Piñeiro.
O espazo aspira a poñer á disposición do público obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos. Actualmente conta con preto de 100 autores e permite o acceso a diversas seccións con información exhaustiva sobre, por exemplo, Martín Codax ou Rosalía de Castro. Outros dos servizos que ofrece son unha fonoteca con textos literarios en formato sonoro, con cantigas medievais ou poemas de Rosalía, e unha hemeroteca con publicacións periódicas xa desaparecidas.

En letrasgalegas.org tamén se poden consultar edicións facsímiles de textos medievais e boa parte do catálogo do Centro Ramón Piñeiro en formato PDF, con obras como unha recompilación de estudos sobre o Cancioneiro de Ajuda, do século XIII, a cargo de Mercedes Brea, ou a guía de recursos electrónicos Libros galegos en internet, realizada por Henrique Neira.

O sitio web é froito dun convenio subscrito en xuño de 2007 entre as dúas entidades promotoras. As obras galegas que suscitaron máis interese até o momento foron Cantares gallegos, con 12.475 consultas; Cartas, con 12.081, e En las orillas del Sar, con 11.266 consultas, todas elas de Rosalía de Castro.

0 comentarios: