Un verme infecta a uns 9 millóns de equipos nos últimos días

Nos últimos días un verme informático coñecido polos nomes de Downadup, Conficker e Kido, que aproveita unha vulnerabilidade de Windows corrixida o pasado mes de outubro, está a ter un rápido espallamento global, estimándose que hai uns 9 millóns de equipos infectados, que estarían expostos a outros programas maliciosos ou a formar parte dunha rede de equipos zombi, polo que se recomenda que os afectados actualicen o seus sistema operativo e actualicen a súa aplicación anti-virus, aínda que tamén existen parches específicos para eliminar este verme.

Hai que destacar que parte do éxito de propagación de Downadup vén do feito de que se espalla de distintos xeitos, pois tanto pode aproveitar a vulnerabilidade de Windows a través dunha solicitude RPC que pode chegar da Internet, a través de cartafoles compartidos doutros equipos na mesma rede local e incluso a través de memorias USB.

A meirande parte dos equipos infectados estarían en países coma Brasil, Rusia, China e India, o que podería indicar que nesas partes do mundo é máis habitual ter equipos informáticos sen as pertinentes actualizacións de seguridade instaladas por contar con copias piratas, pois un equipo ao día e cun anti-virus actualizado estaría seguro ante este tipo de ameaza de seguridade que nunca tería que terse propagado con tanta velocidade e eficiencia.

0 comentarios: