A web sobre unha moza que quere operarse o peito, gañadora do certame Hazruido


Ter éxito na Rede require ter bo ollo para detectar aquilo que a xente quere ler. Neste senso, o traballo en cuestión ten un aquel de psicoloxía e coñecemento fondo dos gustos do ser humano: cómpre empregar certo tempo en ver cales son as novas que máis se len. Premiar este sexto sentido á hora de propagar andazos informativos na Internet é o gran obxectivo de Alianzo e Strands a través do seu concurso Hazruido, . Máis polo miúdo, a idea é recoñecer o mellor labor do ano nunha tarefa cada vez máis dura: o posicionamento en Google. O obxectivo dos participantes, que para este caso concreto constitúen algo así como un obradoiro de reclamos en liña, é facer que a primeira páxina que devolve Google un día concreto a unha palabra inventada sexa a súa. Sinalar que este ano o termo inventado foi comunicactivo, e que o gañador final (aquel que acadou o meirande número de ollos, ou, mellor dito, de clikcs), foi o veciño de Elxe Francisco José García, que concorreu no certame coa proposta Tetas ou Vista. Esta páxina, que foi cualificada polo xurado do concurso como especialmente orixinal, tira partido (e tamén ironiza) do interese que espertan nas canles audiovisuais todos aqueles programas onde hai unha operación de estética de por medio.

A idea, posta en marcha por Francisco e os seus compañeiros de traballo, era coller polo camiño do humor nun escenario onde cada vez hai menos crítica san e máis vontade de facer escarnio a costa de alguén. O caso é que na súa páxina contábanse as aventuras dunha moza que lle preguntaba á comunidade de internautas se debía operarse ou non o peito, tendo para tal fin 5.000 euros aforrados. A campaña, como se pode supoñer, resultou ser un éxito e os internautas participaron de maneira moi activa, non só na votación senón tamén comentando o que a suposta moza ía achegando sobre o día a día do seu proxecto no caderno blog tetasovista.com/blog.

Segundo informa a organización do certame, tamén houbo premio para Todo por mi vecina, unha tentativa de promoción a prol dun filme do que ninguén escoitou falar.

0 comentarios: