Innovación e Industria presenta un sistema de visado telemático para colexios oficiais

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou en Ourense un sistema de visado electrónico desenvolvido pola Consellaría de Innovación e Industria para o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense. O sistema poderase configurar para os visados de calquera colexio oficial e permite efectuar o trámite a través da internet. A aplicación hospédase no servidor Alicerce do Cesga.

As persoas colexiadas teñen a posibilidade de solicitarlle ao colexio o visado dos seus traballos a través da zona privada da web da institución. Mediante un formulario xerarán unha solicitude de visado dun proxecto e introducirán, en formato PDF, todos os documentos que o compoñen. Os documentos terán que ir asinados electronicamente para que teñan validez legal.

Segundo explicou Helena Veiguela, a aplicación fará posíbel que os colexiados saiban en cada momento en que estado se atopa a súa solicitude. O colexio realizará o proceso de verificación dos documentos e procederá ao seu rexistro e revisión. No caso de que se lle dea conformidade, o sistema introducirá no documento os selos correspondentes cos datos do visado e asinarao electronicamente.

Esta ferramenta estará ao servizo de calquera colexio profesional que o solicite. A directora xeral explicou que responde a tres liñas de acción: obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), aposta pola creación de plataformas e desenvolvementos en Software Libre e colaboración cos diferentes organismos e colectivos.

Centro de coñecemento en novas tecnoloxías

Ademais, Helena Veiguela participou no acto de presentación do proxecto de centro de coñecemento en novas tecnoloxías desenvolvido polo seu departamento en colaboración co Concello de Ourense. O centro, situado na praza da Ferrería, estará dirixido á cidadanía en xeral, ás empresas que poderán usar os seus laboratorios de fabricación en 3D e a institucións colaboradoras.

O centro, explicou a directora xeral, permitiralle ao concello ourensán anticiparse ás realidades tecnolóxicas que estarán presentes nos vindeiros anos no medio laboral. Conterá sistemas de visualización avanzado e interactivo que permitirán mergullar os visitantes en experiencias innovadoras mediante contidos audiovisuais en 3D, infografía, multimedia e realidade virtual. Veiguela fixo tamén unha mención especial ao Hardware Libre como o seguinte paso ao Software Libre.

0 comentarios: