Hoxe preséntase Memoria de Muller no Grove


"Que tempos aqueles", "Unha nena da posguerra", "Unha muller con un pé no mar e outro fóra", "Unha vida dedicada á cultura" e "Historia dunha muller nacida na Toxa" son as historias que se poderán ver

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, presenta hoxe no Grove a iniciativa Memoria de Muller. O acto celebrarase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, R/ Monte da Vila, 11, ás 20 horas.

As historias que se presentan e as súas autoras son:

- "Que tempos aqueles", de María González Prol, na que se conta cómo unha muller de 93 anos que traballou 30 anos no Gran Hotel da Toxa, e despois emigrou a Venezuela 6 anos.

- "Unha nena da posguerra", de María Prieto Magdalena, muller costureira, que nos fala da súa infancia e da historia dos talleres de costura no Grove.

- "Unha muller con un pé no mar e outro fóra", de María Jesús González Rey, muller mariñeira para a que a pesca é a súa vida, explícanos cómo se iniciou neste mundo.

- "Unha vida dedicada á cultura", de Carmen Barreiro Costas. Esta muller adicou a súa vida aos demais, como profesora nun colexio de Irmáns da Caridade e como bibliotecaria da vila.

- "Historia dunha muller nacida na Toxa", de María Torres Abalo, quen traballou na fábrica de xabóns da Toxa, así como no Gran Hotel. A través do seu vídeo relátanos algunhas das experiencias máis destacábeis da súa vida.

Este proxecto foi coordinado por Ana María Rosales García, dinamizadora da Sociedade da Información neste concello.


Memoria de Muller

Memoria de Muller naceu coa intención de propiciar un achegamento das mulleres, todas maiores de 50 anos, ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información e amosarlles a súa utilidade, reducindo deste xeito a fenda dixital que se fai máis evidente neste colectivo. Ao mesmo tempo pretende producir unha recuperación da memoria histórica, persoal, social e/ou cultural de cada concello a través dos relatos persoais das mulleres participantes, que se revelan como auténticas artífices e protagonistas de todo o proceso.

A iniciativa Memoria de Muller, que se levou a cabo en 27 concellos galegos, consiste en que cada muller cree un vídeo empregando imaxes antigas, a súa propia voz para narrar a historia e música. O proceso seguido por estas mulleres, no cal empregaron constantemente as Novas Tecnoloxías e o Software Libre, foi o seguinte: primeiro escolleron a historia que cada unha delas quería contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboraron un guión. Logo escolleron as fotografías e retocaron aquelas que o necesitaban coa ferramenta Gimp. O seguinte paso foi escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez que realizaron isto, procederon a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O derradeiro proceso foi o da montaxe, no cal ensamblaron todas as pezas anteriores e onde lle deron o aspecto final.

Coa proxección destes vídeos neste acto quérese agradecer a estas mulleres a participación nesta actividade, a través da que quixeron abrir o caixón das súas lembranzas para compartir a súa memoria con todos e todas nós.

0 comentarios: