Recomendacións aos menores para unha navegación segura por Internet

Internet é como queiramos que sexa: o uso que lle deamos e como nos comportemos determinará a súa propia natureza. Se de algo é culpable a Rede é de favorecer a cuestión do anonimato, pero nin sequera isto depende cen por cen dela: en realidade, non fai máis que reproducir as cousas malas e boas da sociedade que lle deu acubillo.

Sen deixar de lado a necesidade de informar polo miúdo de todo aquilo que ten de positivo (coñecemento, comunicación, lecer), para o Valedor do Pobo hai unha realidade que se impón: cómpre non deixar nunca de lado o feito de que pola Rede tamén se coa o que de negativo ten o sistema social actual para os máis pequenos. Neste senso, e sen caer no recurso doado de identificar a Internet con delito, calquera iniciativa de sensibilización que se faga é pouca.

Precisamente nesta liña de dar a coñecer a realidade polo miúdo da Rede é onde se insire a nova proposta do Valedor para os colexios galegos: a distribución entre alumnos de Infantil e Primaria de 100.000 exemplares dun tríptico dirixido a fomentar o emprego seguro das novas tecnoloxías por parte dos menores.

O material en cuestión, que segundo apunta a oficina do Valedor vén escrito na linguaxe máis directa posible, achega recursos e consellos para aplicar ás máis diversas ferramentas: chats, correos electrónicos ou redes sociais.

A idea básica da iniciativa, neste senso, é informar de que é principalmente nesas ferramentas onde, do mesmo xeito que se achega información propia, tamén é requirida por outros usuarios, e estes non sempre teñen a mellor das intencións. A guía, que tamén vai dirixida a concienciar a pais, mestres e titores, informa polo miúdo dos riscos de navegar pola Rede sen contar coa supervisión familiar axeitada ou do profesorado, e mesmo dá conta do perigo de facilitar datos persoais ou de terceiros por medio da Rede. Entre outros consellos, a guía ofrece os seguintes: fuxir do intercambio de datos con estraños, preservar en segredo claves e contrasinais de emprego particular, pedir sempre o asesoramento de pais ou mestres ou solicitar a axuda dos maiores á hora de facer un rexistro en redes ou chats.

O tríptico tamén recomenda o uso de nicks ou pseudónimos para preservar a intimidade dos usuarios.

A través desta proposta, informa a oficina do Valedor, os alumnos e alumnas poderán aprender que a descarga de arquivos ou programas que non se coñecen é tamén perigosa, ao existir aplicacións espía que se instalan nos ordenadores “para roubar o que hai neles e para cometer delitos”. A guía tamén fai fincapé no coidado que hai que ter á hora de colgar fotos sen permiso dos retratados ou de abrir webs persoais ou blogs sen coñecemento dos pais ou dos titores. Para rematar, o Valedor aconsello aos usuarios máis pequenos da Rede que informen polo miúdo e decontado de calquera cousa estraña que localicen durante as súas sesións en Internet.

0 comentarios: