Sanidade reforza as posibilidades de cidadanía dixital das súas webs


A Consellería de Sanidade segue a reforzar a súa achega web cun duplo obxectivo que se complementa a si mesmo: subministrar máis información á sociedade e facer máis doado o acceso a esa información. Nesta liña é onde se insiren os novos servizos incluídos dende hoxe nas páxinas web www.galiciasaude.es e www.sergas.es, recursos entre os que se inclúe unha canle para formalizar encontros co persoal médico e probas en hospitais. Neste novo apartado, amais da posibilidade de consultar información persoal de citas e consultas (tanto as confirmadas como as rexistradas pendentes de data e hora), o internauta terá ao seu alcance tecnoloxía avanzada para garantir a confidencialidade dos datos: o acceso será controlado mediante o emprego dun certificado dixital que achega a garantía da identidade do usuario que accede.

Segundo informa Sanidade, a canle de comunicación entre o servidor e o equipo que fai a consulta está tamén encriptada para asegurar a confidencialidade dos datos. Por certo que este recurso é en certa maneira unha ampliación e unha mellora do posto en marcha en decembro de 2007, que posibilita a comunicación en liña cos pacientes para consultar a súa situación persoal na listaxe de espera cirúrxica.

O paquete de novidades incluídas nos devanditos espazos da Consellería de Sanidade complétase cun portal específico orientado á cidadanía (dende o que se pretende facer o máis doada posible a comunicación coa sociedade e a achega de recursos, todos eles clasificados e ofrecidos dun xeito moito menos disperso) e un apartado en liña para o envío de suxestións e queixas relacionadas cos centros e unidades onde estea implantado o Sistema de Xestión denominado QUERES. Subliñar que QUERES é un programa dirixido a asegurar o cumprimento dos dereitos sanitarios das galegas e dos galegos, e para facer uso del só teremos que cumprimentar o formulario electrónico que se incorporará ao respecto.

Polo que respecta ao portal para a cidadanía, dicir que entre outras cousas inclúe unha Oficina virtual destinada a servir de punto de unión entre a sociedade e administración sanitaria: nela, estaremos en disposición de facer os trámites máis comúns relacionados coa saúde como son a cita en Atención Primaria, o cambio de médico, ou a solicitude de tarxeta sanitaria.

0 comentarios: