Comeza Xuventude Galiza Net, con presenza de Mancomún


Este venres arranca no Multiusos do Sar, en Santiago de Compostela, a décima edición do encontro informático Xuventude Galiza Net. A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información estará presente nel a través de Mancomún.
XGN

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza disporá dun espazo propio na zona de acceso libre do Xuventude Galiza Net para dar a coñecer o seu traballo e as vantaxes do software libre a todas as persoas que se acheguen ao maratón informático.

Repetindo a mesma estrutura que tan bos resultados deu na pasada edición do XGN e na Conferencia Internacional de Software Libre (CISL) en Málaga, Mancomún compartirá a súa caseta de exposición con todos os axentes da comunidade galega de software libre. O espazo destinado a estes presentarase baixo o mesmo lema co que xa o fixera anteriormente: "Co Software Libre xogamos todos en Galiza". Esta estrutura e esta campaña, permitiulle a Mancomún sorprender na CISL, expoñendo unha estrutura colaborativa pouco común no resto de comunidades e coa cal conseguiu atraer a un gran número de interesados.

Tanto o posto da Dirección Xeral como o dos axentes -primordialmente, Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL)- terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que visibilice o apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.

0 comentarios: