Industria difundirá un selo Software 100% legal como certificado de calidade dos programas


O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de presentar hoxe a segunda edición da Campaña de Software Legal, enmarcada no Plan Avanza2 e destinada a evitar o uso de programas piratas entre os usuarios e usuarias de novas tecnoloxías no noso país.

O acto contou coa presenza, do secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, e do subdirector xeral de Servizos da Sociedade da Información, Salvador Soriano, entre outras personalidades representantes de organismos en relación coa campaña, como BSA España, AETIC ou CENATIC, que estiveron presentes como colaboradores e impulsores.

Os responsables desta acción destacan que, dende o lanzamento da primeira campaña de software legal en 2007, “o índice da piratería do software en España descendeu en tres puntos”, segundo indica un estudo de IDC patrocinado por BSA, co que, aseguran, “conseguiron igualar os niveis mínimos históricos en España para situala máis cerca da media da Unión Europea e dos países máis avanzados no emprego das TIC”.

A fin de reforzar esta tendencia de mellora, esta primeira campaña vén de ser renovada agora para ter continuidade cunha segunda de promoción da comercialización do software legal, á que se destinarán do redor de 250.000 euros.

Con esta nova edición, o Mityc vai potenciar aspectos da campaña anterior e engadir novidades, entre as que destaca a creación dun portal web que aglutine toda a información relevante para o negocio do software en España e que sirva como ferramenta de utilidade para os profesionais do sector.

Outro dos aspectos que se destacou no acto de presentación da campaña, foi o anuncio de difundir o selo Software 100% legal, como certificado de calidade, confianza e compromiso con este tipo de aplicacións, entre distintos distribuidores e fabricantes e, asemade, a adhesión dos distribuidores de software a un decálogo de boas prácticas que constitúe “un compromiso co software legal” e “un axeitado progreso da Sociedade da Información en España”.

0 comentarios: