O Concello de Ourense implantará novos servizos electrónicos na súa web

O Concello de Ourense implantará no seu portal web un servizo de navegación interactiva, informatizará os plenos e facilitará a licitación electrónica de contratacións públicas. A iniciativa forma parte do Plan Avanza 2.

A iniciativa foi aprobada pola Xunta de Goberno local e enmárcase no Plan Avanza 2 de desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, a cuxa subvención optará o consistorio ourensán.

A actuación pretende "seguir avanzando na modernización tecnolóxica", mellorando o nivel de vida da cidadanía. A creación de riqueza e a "transformación da sociedade" son outros dos obxectivos do executivo. O proxecto 'Novas aplicacións de Administración electrónica, plataforma multicanal e multicomunicación' prevé implantar un amplo conxunto de servizos telemáticos.

Entre eles, destaca a implantación dunha plataforma segura "contra a falsificación de documentos" municipais, e un cadro de mandos integral de "medición, supervisión e xestión" sa dúa actividade. Tamén se prevé implantar unha aplicación interactiva"para despacho de asuntos en pleno", co que se axilizará a tramitación dos expedientes, ademais dunha plataforma multicanal de acceso cidadán.

Ademais, permitirase a contratación electrónica de procesos públicos, integrando os sistemas de información con outro de licitación electrónica e unha web dirixida aos licitadores, garantindo a seguridade e a confidencialidade dos datos.

0 comentarios: