O Refuxio de Bando fai un chamamento na Rede para impulsar a adopción de animais extraviados


O Refuxio de Animais de Bando (Compostela) segue adiante coa súa procura de fogares responsables para os seus internos e internas, e faino en boa medida a través da Internet, renovando cada pouco as súas fichas en liña dos cans e gatos pendentes de adopción. Segundo está a sinalar estes días El Correo Gallego, o compromiso da comunidade internauta é máis preciso ca nunca, tendo en conta a difícil situación pola que están a pasar un importante número de animais (doce deles en estado case crítico, e unha boa cantidade a piques de estalo). De feito, o número de residentes abandonados polas persoas supostamente responsables deles non para de medrar. Segundo datos achegados polo Refuxio e reflectidos polo dito xornal compostelán, nos primeiros meses de 2009 entraron no complexo de Bande até 300 animais sen dono, unha cifra elevada de máis como para atoparlles familia de acollida, por moito que se empreguen arreo as novas ferramentas de comunicación.

Desa cifra, engádese, 127 acadaron finalmente un fogar, resolvéndose a maiores os casos de outros 26 por estaren temporalmente extraviados. Con todo, apuntan os responsables do Refuxio, precísase a axuda de máis xente, principalmente para os casos máis críticos, aqueles que non son quen de afacerse ás novas condicións do complexo por serlles imposible esquecer a súa vida previa cos seus donos. As canles para facerse cun destes animais (un total de doce cans e cadelas a día de hoxe) son os de sempre: chamando aos teléfonos 981 575 957 e 646 492 835 ou escribíndolle un correo electrónico aos responsables do Refuxio a través da conta adopcions@refuxio.org. Como dixemos, a residencia compostelá conta tamén cunha completa páxina web dende a que se poden consultar as fichas e imaxes dos animais que precisan atopar acollida.

0 comentarios: