O uso de internet contribúe a aumentar a produtividade laboral

O uso de redes sociais da internet como Twitter ou Facebook melloran a produtividade laboral, segundo un estudo australiano que asegura que o uso da rede en horario de oficina é proveitoso para as persoas traballadoras. Concretamente, as persoas que usan internet por motivos persoais no traballo son un 9% máis produtivas, segundo a publicación.

O autor do estudo, Brent Coker, da Universidade de Melbourne, explicou que "a navegación ociosa por internet no lugar de traballo" axuda a axustar a concentración dos traballadores, porque a xente precisa "distraerse un momento" para volver á súa concentración, declarou na web universitaria.

Eses "descansos breves e non intrusivos", como unha rápida navegación pola rede, permiten descansar a mente e levala a unha concentración neta máis alta para un día de traballo, o que contribúe a un aumento da produtividade, segundo Coker.

O estudo foi realizado entre 300 persoas empregadas, aínda que as súas conclusións coinciden coas doutros traballos que aseguran que navegar por internet mellora o rendemento do cerebro.

"As empresas gastan moitos cartos en software para impedirlles aos seus empregados ver vídeos, usar redes sociais ou mercar na rede, co argumento de que baixa a produtividade", asegurou Coker, "pero non é sempre ese o caso".

De calquera xeito, o estudo refírese a persoas que navegan con moderación, menos do 20% do tempo de traballo. Con máis exposición, "compórtanse con tendencias de adicción á internet", o que redunda nunha produtividade inferior.

0 comentarios: