Ourense inaugura telecentro e avanza na creación dunha rede sen fíos municipal


O alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, inaugurou hoxe o Telecentro de Formación e Videoconferencias da súa cidade e pertencente á Rede de Telecentros de Comunicación, que ofrece nas súas novas instalacións de 200 m2 un total de 20 ordenadores, así como posibilidades para a videoconferencia, sala de formación e punto de acceso Wi-Fi á Internet. O telecentro poderá ser utilizado por alumnos que reciban formación a distancia, profesores e colectivos sociais e profesionais que o desexen, amais de servir de espazo para o desenvolvemento de xornadas, seminarios e conferencias.

Durante o acto de inauguración, Rodríguez estableceu unha videoconferencia con Honorato López Isla, vicepresidente primeiro e conselleiro delegado de Unión Fenosa, aó que anunciou que se lle renderá un homenaxe á súa traxectoria profesional nas II Xornadas de Emprendedores Eduardo Barreiros que terán lugar o vindeiro 8 de maio.

Francisco Rodríguez tamén anunciou que o Concello de Ourense constituirase en operador radioeléctrico para dar cobertura legal ao proxecto Ourense Wi-Fi, que permitirá que nuns 2 anos a cidade poida ser un referente en acceso Wi-Fi no seu contorno rural e urbano, grazas a unha experiencia que están a por en marcha de xeito experimental nas zonas de Seixalbo e A Cuña, e que en breve se espallará a máis de 20 puntos e espazos públicos a través dunha rede troncal de acceso á Internet entre Seixalbo e Pamés que contará cun investimento aproximado de 1 millóns de euros.

0 comentarios: