Red.es e o Concello de Abegondo presentan o desenvolvemento do proxecto Urbanismo en Rede para o municipio


Unha ferramenta permítelles aos usuarios obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web municipal. O proxecto piloto supón unha aposta pola administración electrónica e a transparencia informativa. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Ministerio de Vivenda asinaron un convenio para estender a solución deseñada a outros concellos.

Juan José Rocha Carro, alcalde de Abegondo, e Francisco Javier García Vieira, director de planificación de programas de red.es, entidade dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, presentan o desenvolvemento da iniciativa piloto do Concello de Abegondo dentro do proxecto Urbanismo en rede.

Urbanismo en Rede permítelles a todos os usuarios obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web do Concello, o que supón un paso máis no impulso á administración electrónica, a aplicación das tecnoloxías da información na tramitación administrativa e a transparencia na información aos cidadáns.

A través deste novo desenvolvemento, os usuarios poderán acceder a toda a información urbanística que necesiten mediante dúas vías: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen ou introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona que se vai consultar.

A web móstralle ao usuario todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área do seu interese: Clasificación, categorías do planeamento e cualificación do solo, e permitiralle descargar a ficha urbanística completa. A información compleméntase con outros datos de grande utilidade como a información catastral. Ademais, o novo desenvolvemento permitirá ir incorporando novas funcionalidades para facilitar aínda máis o acceso dos cidadáns á información urbanística.

O proxecto piloto presentado hoxe é froito do programa Urbanismo en Rede promovido pola entidade pública empresarial red.es, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); e está confinanciado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Dada a complexidade inherente ao lanzamento dun programa destas características, red.es determinou a necesidade de organizar un Foro de Expertos en Urbanismo e TIC no ámbito local, que permitiu acometer unha etapa previa de análise, definición e normalización urbanística e unha etapa posterior de posta en valor e verificación das recomendacións, de sistematización e solución técnica, nunha serie de proxectos piloto.

Como continuación das experiencias piloto, o Ministerio de Vivenda e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio asinaron o pasado mes de febreiro un convenio co obxectivo de estender a solución deseñada a outros concellos e no cal poderán participar as comunidades autónomas que o desexen e outros organismos como a FEMP. O convenio que abarca o período 2009-2012 supón un investimento de 57.000.000 dos cales 40.000.000 son unha achega de red.es e o resto deberá ser cofinanciado polos participantes.

Datos técnicos do Proxecto Urbanismo en Rede en Abegondo

En cada un dos pilotos, red.es levou a cabo a dixitalización da información relativa ao planeamento urbanístico de cada Concello, así como o desenvolvemento informático que lle dá soporte ao proceso e á explotación dos datos, o que supuxo un investimento entre un 40% e un 60% do total do proxecto en función das zonas obxectivo de converxencia para a distribución dos fondos europeos. Cada Concello, pola súa parte, encargouse da adquisición e implantación do equipamento informático e o sistema de información xeográfica, o desenvolvemento do visor web e os labores de validación e supervisión dos resultados da dixitalización.

0 comentarios: