A Sociedade Galega de Ornitoloxía fai dispoñible un noticiario en liña de localización de aves


A Sociedade Galega de Ornitoloxía acaba de poñer en marcha un novo servizo na súa web. Dende agora, conta co Noticiario Ornitoxeográfico Galego, que conta cunha ferramenta de xeolocalización para poder visualizar as áreas onde se detectaron as diferentes especies de aves. A ferramenta nace como un xeito de facilitar a observación das aves, con máis de 14 mil rexistros de localizació ata o momento.

O Noticiario presentouse oficialmente o pasado sábado, nun acto en que participou o novo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. O desenvolvemento da ferramenta correu a cargo de Sixtema. O seu representante, Alejandro Lamas, salientou que o servizo de xeolocalización tamén fará máis doado que os usuarios notifiquen os seus avistamentos de xeito automático. Eses avisos procesaranse e incorporaranse automaticamente ao Sistema de Información Xeográfica, con listaxes por espazos, familias e especies. Ademais, o noticiario está baseado no Catálogo GIS de Sixtema, que é software libre.

Segundo a Sociedade Galega de Ornitoloxía, esta información complétase con estatísticas, gráficas e informes sobre as aves que habitan ou visitan a nosa terra. A entidade informou, ademais, de que a súa web se pon á cabeza da disciplina no Estado Español e convértese nunha importante ferramenta de coñecemento do medio.

0 comentarios: