
A Consellaría de Innovación e Industria publicou o informe de seguimento do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010). No documento, que analiza as accións desenvolvidas dende a posta en marcha do plan, o 30 de marzo de 2007, contabilízanse 487 medidas no ano 2008 fronte a 279 do ano anterior. Todas elas encádranse nalgunha das oito estratexias operativas plasmadas no documento.
Por áreas, as medidas máis numerosas foron as referidas á prestación de servizos públicos de calidade, que supuxeron case un terzo do total, seguidas das relacionadas co desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información (16%), contidos e servizos (15%) e inclusión e sustentabilidade (13%).
As accións foron postas en marcha por unha ou varias consellerías para acadar un obxectivo determinado e, maioritariamente, con carácter plurianual. Ademais, o informe salienta que no ano 2008 o orzamento dedicado pola Xunta á Sociedade da Información foi de case 185 millóns de euros, un 13% máis do que estimaba o PEGSI para ese ciclo.
Outro dos indicadores que superaron as expectativas do Plano Estratéxico foi o investimento total. Chegado o ecuador do cuatrienio, xa se superou a metade do orzamento previsto para todo o período, con máis de 350 millóns de euros. Ademais, no ano 2008 medraron especialmente as estratexias operativas de aplicación das TIC polo tecido empresarial, de infraestruturas para a Sociedade da Información, de contidos e servizos e de servizos públicos de calidade.
No outro extremo, o orzamento destinado nos últimos dous anos no desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información foi lixeiramente menor ao previsto, mentres que o destinado a desenvolver instrumentos de xestión de políticas públicas de Sociedade da Información foi considerabelmente inferior.
Como principais fitos do segundo período de seguimento, o informe salienta o avance das infraestruturas de telecomunicacións, polo avance significativo con respecto a anos anteriores no despregamento dos servizos esenciais de banda larga e de televisión dixital terrestre (TDT), entre as que cabe resaltar a implantación de infraestruturas de acceso á banda larga en 32 polígonos industriais.
Tamén melloraron os datos das empresas de máis de 10 persoas empregadas, que converxeron en 2008 coas do Estado Español en equipamento de ordenadores e superan a media en comercio electrónico. Para potenciar o uso das novas tecnoloxías nas microempresas, a Xunta impulsou, entre outras medidas, unha liña de axudas para autónomos para mercar ordenadores, dotada con 1,66 millóns de euros.
Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega
Hace 3 meses.


0 comentarios:
Publicar un comentario