AraOS: galeguiza o teu Linux


O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, tamén celebrou ao seu xeito o Día das Letras e da Sociedade da Información, presentando unha nova versión do metapaquete AraOS. A utilidade automatiza a galeguización do sistema operativo Ubuntu, que queda, deste xeito, practicamente convertido nun Galinux. De feito, Galinux creouse a partir de AraOS.
AraOS

A versión de AraOS presentada coincide coa máis recente de Ubuntu, a 9.04, con nome clave Jaunty Jackalope. Ademais de galeguizar o sistema opreativo, modifica o seu aspecto gráfico. O metapaquete pódese instalar engadindo o repositorio de Mancomún ou descargando unha imaxe de CD para probalo sen ter que modificar o contido do disco duro.

Entre as aplicacións que traduce automaticamente o metapaquete están o Firefox, Thunderbird e OpenOffice.org, ademais de incluír como predeterminado o dicionario do corrector ortográfico en galego.

Como permite o software libre, este paquete pódese personalizar para modificar a imaxe gráfica do sistema operativo ou integrar aplicativos específicos para confeccionar unha distribución encamiñada a un sector concreto.

Máis información e instrucións para instalalo en Mancomún.

0 comentarios: