A campaña “O galego medra contigo” habilitará un espazo expositivo dedicado ás novas tecnoloxías, no que o protagonista será o Galinux


Mancomún promoverá o uso do galego nas novas tecnoloxías no marco da campaña “O galego medra contigo”, que arranca este sábado día 2 no Concello da Coruña. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña, busca promocionar o uso da lingua galega nos distintos ámbitos socioculturais cunha carpa móbil que percorrerá diferentes barrios da cidade herculina durante o mes de maio e comezos de xuño, con motivo das celebracións do Día das Letras Galegas.

A iniciativa despregará un amplo programa de actividades, onde se mesturarán xogos, música e monicreques para os máis pequenos, con espazos expositivos de materiais en galego procedentes dos campos máis diversos, entre eles, o das novas tecnoloxías.

Esta sección tecnolóxica correrá a cargo de Mancomún, quen achegará todo o seu material promocional do sistema operativo libre e en galego, Galinux, así como uns 1.000 exemplares deste para a súa distribución gratuíta entre os asistentes. Aínda que o Galinux foi escollido neste ocasión como o produto máis adecuado para exemplificar o uso do galego nas novas tecnoloxías, son moitos outros os proxectos que Mancomún está a desenvolver no campo da localización e, concretamente, na promoción do uso galego nun eido como é o da innovación tecnolóxica: Manual de Localización, glosario de termos, coordinación da tradución de diversos aplicativos libres (OpenOffice.org, aplicativos Mozilla...)

Nesta liña, a concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística e principal promotora das actividades, Ermitas Valencia, explicou que a idea é “conmemorar que temos unha lingua viva, culta e con futuro”, obxectivo para o que a Concellaría configurou un programa dirixido a toda a familia, pero especialmente para os máis pequenos xa que, en palabras da concelleira, “neles tamén está o futuro do noso idioma”.

A primeira das citas da campaña
“O galego medra contigo” será o sábado 2 de maio no Campo da Leña do barrio de Monte Alto, onde a xornada arrincará ás 11.00 horas coa animación a cargo de Manicómicos e continuará con xogos para os máis pequenos para rematar a mañá cunha actuación musical "Cancións para Antía". Xa pola tarde ás 17.00 horas continuará a festa coa actuación da compañía de teatro de títeres Falcatrúa coa representación de 'Albízaras'. Ás 18.15 horas nova actuación musical a cargo do grupo Mamá Cabra. Ademais haberá animación á lectura, expositores de material, sorteos...

Todas as actividades serán de balde e non precisan de inscrición previa, polo que os organizadores convidan a calquera persoa a achegarse para participar desta celebración. Por outra banda, entre todos os participantes sortearanse libros e discos en galego.

As diferentes actividades e localizacións da carpa en vindeiras semanas poden consultarse nesta ligazón.

0 comentarios: