Industria prepara unha exposición interactiva para celebrar o Día de Internet


No marco da celebración da quinta edición do Día de Internet o vindeiro 17 de maio, data sinalada no noso calendario xa que tódolos galegos e galegas honraremos o recordo do que fora o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Piñeiro, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vai organizar unha gran exposición na Praza de Felipe II de Madrid, coa fin de achegarlle á cidadanía as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e mostrarlle de xeito práctico as vantaxes que aporta o seu uso na vida diaria.

Esta exposición, cuxo lema é Sube ao tren de Internet, poderá ser visitada dende o 14 ao 17 de maio, catro intensos días nos que se porán en marcha distintas actividades que buscan a participación cidadá no eido das TIC e Internet.

Estas actividades vanlle prestar especial atención a colectivos con menor facilidade de acceso ás TIC, como son os maiores de 55 anos, os e as inmigrantes e as persoas con discapacidade, que contarán con áreas e demostracións especialmente enfocadas a eles.

No evento tamén haberá un espazo orientado aos profesionais, especialmente autónomos, emprendedores e micropemes, moitos dos cales, segundo afirman os organizadores, “aínda non coñecen as oportunidades e posibilidades que supoñen as TIC para aumentar a competitividade dos seus negocios e precisan axuda para aproveitarse das infraestruturas tecnolóxicas existentes”.

A entrada e participación nas actividades será totalmente de balde e algunhas das áreas máis destacadas serán as das demostracións do funcionamento das TIC (TDT, entornos multimedia…) e de Internet (redes sociais, identidade dixital, procura de dominios…) así como as da administración dixital e os xogos seguros na Rede (con vistas aos máis cativos) onde os visitantes poderán interactuar coas ferramentas dispoñibles.

O nome da exposición, Sube ao tren de Internet, está directamente relacionado co xeito no que esta foi deseñada posto que se trata dunha gran estación ferroviaria dedicada ás TIC, que conta cunha carpa central dende a que parten os diversos espazos nos que se organizan as actividades.

O evento conta cun amplo equipamento audiovisual que inclúe ordenadores con conexión ADSL, grandes pantallas de plasma, equipos con TDT integrada e puntos de información móbil, entre outras cousas e pode ser visitado en horario ininterrumpido de 10:00 a 20:00 horas.

Este evento súmase ao conxunto de iniciativas que de xeito continuo desenvolve o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio dentro do Plan Avanza2 para contribuir ao fomento e desenvolvemento da Sociedade da Información no noso país.

0 comentarios: