O proxecto e-Hospital recibe un premio da Comisión Europea

O proxecto e-Hospital, desenvolvido polo grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC coa colaboración do Cesga, acaba de recibir o European Lifelong Learning Award, un galardón que lle entregou este xoves a Comisión Europea.

O organismo comunitario seleccionou e-Hospital como un dos tres proxectos Grundtvig máis destacados de Europa, en recoñecemento pola súa contribución á innovación e á creatividade.

Coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o principal obxectivo do proxecto é crear e avaliar a viabilidade da formación continua mediante e-learning a pacientes adultos hospitalizados de longa duración.

A entrega do premio tivo lugar en Praga, no decurso da Conferencia Europea sobre Innovación e Creatividade no Programa de Aprendizaxe Permanente. Recolleron o premio a profesora da USC Carmen Fernández Morante e o coordinador do Consorcio internacional que apoia o proxecto, Holger Bienzle.

e-Hospital foi un proxecto financiado durante os anos 2005-2008 pola Comisión Europea dentro do programa Socrates/Grundtvig, no que participaron institucións educativas de Austria, Francia, Alemaña, Polonia, Suíza e España. O grupo da USC, coa colaboración do Cesga, como institucións participantes españolas, deseñaron e desenvolveron un curso piloto de formación continua a través de blended-learning (modalidade de aprendizaxe que combina a formación presencial e a non presencial co uso das novas tecnoloxías e Internet) denominado 'e-Hospital: Curso básico de alfabetización dixital', dirixido a pacientes lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Ao termo deste, a USC outorgou os correspondentes diplomas acreditativos de realización do curso a trece alumnas/os que realizaron con éxito a experiencia formativa.

A experiencia piloto xa fora recoñecida en 2007 co premio Computerworld que outorga unha relevante publicación do sector das Telecomunicacións, onde se destacou o labor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña como a institución pública que máis impulsou ese ano o uso das TIC para o benestar dos cidadáns. Tamén o Observatorio de Buenas Prácticas Universitarias e Compromiso Social da Global University Network for Innovation (GUNI) promovido pola UNESCO, United Nations University (UNU) e a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), seleccionaron o estudo piloto español como exemplo de "Buena Práctica". No ámbito internacional o proxecto foi galardoado hai uns meses co mais prestixioso premio á educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria como a iniciativa con maior potencial innovador para a educación de adultos de entre 66 propostas presentadas ao galardón.

0 comentarios: