Rei Zentolo, gañadora duns dos premios ás mellores webs galegas

A iniciativa, organizada pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, escolleu a Jujel.es, o clon galego do buscador Google, como mellor web informativa. Nesta categoría, o portal de envío de novas Chuza! quedou segundo e a web do diario Xornal de Galicia terceiro.

Na categoría de mellor web empresarial o gañador foi Rei Zentolo, a empresa de venda de camisetas cos slogans galegos. Rei Zentolo venceu os outros candidatos, o Bar Aturuxo e Gadis, pola web da súa campaña de Vivamos como Galegos.

Blogaliza, o servizo de aloxamento e promoción de blogs en galegos, triunfou na categoría de páxinas culturais, diante de Flocos.tv e do portal do Festival de Cans, ambas as dúas adicadas ao audiovisual.

No eido das páxinas musicais gañou o Consello da Cultura, coa canle especializada MEGA. Detrás ficaron a web Galiza Electrónica e do sello discográfico A Regueifa Plataforma. O Consello da Cultura tamén gañou entre os portais institucionais.

'Vespadicto', unha bitácora sobre a recuperación destes vellos modelos de motocicletas, é a vencedora na categoría de blogs. No segundo lugar quedou 'Apocalipse do porco' e en terceiro 'Malmequer'. Por último, entre as páxinas das axencias de publicidade a gañadora foi Mabel Aguayo.

0 comentarios: