Santiago recibirá en xuño a visita de 137 expertos en tecnoloxías da información de toda Europa

A Universidade de Santiago (USC) vai acoller o mes vindeiro, entre o día 23 e o 26, un dos encontros de investigación en novas tecnoloxías do coñecemento máis importantes de toda Europa. Segundo conta a USC na súa web, será a primeira vez en todo o territorio estatal que se celebre esta xuntanza, de escaso seguimento por parte dos medios xerais de comunicación pero amplamente seguida pola comunidade académico-investigadora. As cifras non deixan dúbida sobre a lonxitude do seu alcance: até 137 universidades e institucións de investigación superior de 36 países europeos estarán representadas na Conferencia Internacional da European University Information Systems (EUNIS).

A xuntanza, que foi presentada estes días nos seus máis mínimos detalles, chega con esta edición compostelá á súa 13ª edición, logo de terse desenvolvido en centros de coñecemento europeos de primeiro nivel: Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana), Tartu (Estonia), e Dinamarca (Aarhus).

Por certo que a organización decidiu optar por Santiago por dous grandes motivos: polo pulo á inclusión das novas tecnoloxías no eido académico que se está a lanzar dende a USC e, tamén, pola “súa presenza activa nos distintos foros galegos, españois e europeos”.

Polo que respecta ao programa de actividades, dicir que as intervencións agruparanse en diversos bloques temáticos sobre aprendizaxe a distancia nas súas diferentes modalidades, ferramentas de portais e webs institucionais, administración electrónica, globalización e mobilidade, infraestrutura e sistemas integrados, xestión das tecnoloxías da información, novas tecnoloxías aplicadas á educación e redes sociais.

EUNIS
A European University Information Systems (EUNIS) é unha asociación creada en 1993 cuxa actividade principal é a súa conferencia anual, a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Na actualidade conforman a asociación 135 institucións oficiais pertencentes a 29 países europeos e Estados Unidos e Israel.

0 comentarios: