Un novo buscador revolucionará a rede

A sociedade do inmediato promete selo aínda máis grazas ao "Wolfram Alpha", un poderoso motor de procura de coñecemento cuxa investigación se mantivo en segredo durante anos e que verá a luz da rede a finais de maio. A gran innovación deste programa constitúea a capacidade de resolver preguntas concretas no momento. Así, pode calcular o PIB de calquera país ou a altura dun cumio, resolver ecuacións matemáticas complexas, ou achegar respostas precisas a cuestións científicas, se llo pedimos. As consecuencias son aínda impredecíbeis pero moitos as agoiran tan revolucionarias como as do propio Google.

O proxecto funciona través da linguaxe natural, o que significa que recoñece as interrogacións directas. Implica que o que teremos que facer para saber, por exemplo, canto choverá en Lugo, é preguntarllo directamente. Non porque dispoña dunha gran listaxe de respostas, senón porque é capaz de calculalas a partir dunha serie de bases de datos e de algoritmos.

O seu creador, Stephen Wolfram presentouno no seu blog o 5 de marzo, e tan só dous días máis tarde aparecía unha nota en Twine firmada por Spivack, explicando o proxecto. "A comparación fala por si mesma -escribe-; Google recupera simplemente os documentos baseados en buscas de palabras clave. Google non entende a pregunta ou a resposta, e non computa as respostas baseadas nos modelos de varios campos do coñecemento humano. "Wolfram Alpha" crea para pór ao alcance do usuario coñecemento experto de gran complexidade".



O medo á intelixencia artificial

A sensación de que a intelixencia dos supercomputadores acabará por dominar o planeta ocupa metros de celuloide e toneladas de páxinas de libros na aínda curta historia da informática -a famosa Xogos de Guerra, ambientada nos últimos anos da Guerra fría, co heroe hacker e o profesor salvador, é a responsábel de que moitos hoxe se dediquen á profesión-. "O medo está aí", escribe Spivack, pero "non hai risco de que o "Wolfram Alpha" chegue a asumir o control o mundo".

Porque "Tan intelixente como parece", o "Wolfram Alpha", "non ten un sentido do eu ou as opinións ou as sensacións". Non é intelixencia artificial tal como adoi-tamos entendela; é dicir, non é unha simulación dunha mente humana, senón que se trata dunha calculadora de gran alcance que traballa sobre infinidade de preguntas que teñen respostas (computábeis) inequívocas.

No blog do visionario Spivack aparece o post dun usuario: "Poderá dicirnos cal é o sentido da vida?". Non hai resposta, pero alguén lembra A guía do viaxeiro intergaláctico, aquela comedia de ciencia ficción escrita por Douglas Adams a final dos setenta, en plena avidez de futurismo informático, que incluía a curiosa personaxe de Pensamento Profundo, unha supercomputadora que se definía a si mesma como a segunda mellor do universo. Cando se lle preguntaba cal era a "resposta definitiva", isto é, o sentido do universo e todo o demais, a supercomputadora calculaba que tardaría sete millóns e medio de anos en dar con ela. E finalmente atopábaa: "42". Mais era incomprensíbel para a mente humana.

0 comentarios: