aCentral Folque renova a súa web para achegar a música tradicional á sociedade

O Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, renovou a súa páxina web para darlle cabida a novas iniciativas, ao tempo que supón un "lavado de cara" e unha estrutura "dinámica", segundo incidou o responsábel de comunicación do centro, Mauro Sanín. Tamén servirá para acceder a novos servizos.

Permite consultar dun xeito máis sinxelo as novidades do mundo da música, as actividades incluídas na axenda do centro e informacións útiles sobre os seus centros de estudo. O proxecto xa pasou por tres versións anteriores dende o seu nacemento, en Lalín no ano 2002.

Conta con varias seccións, como aCentral, con información sobre o espírito do centro, coñecer o equipo de produción e contactar con mesmo; Ensino, con datos sobre os centros de estudos xestionados polo colectivo, información de matrícula e planos de estudos.

A parte multimedia está presente no apartado +Folque, onde se pode acceder a un listado de vídeos, ligazóns, textos de interese e unha relación de artistas relacionados coa música tradicional. Na mesma sección publicaranse os mellores traballos de investigación nese eido producidos polo estudantado de aCentral Folque nos últimos anos.

A nova web é dinámica e usa código aberto. Ademais, a súa xestión faise a través da intranet, o que permite a súa actualización dun xeito máis axil, segundo explicou Denís Mariño, da empresa Acordar Comunicación en Internet, creadora da páxina.

0 comentarios: