Monterroso e Bos Aires, uniranse este venres por videoconferencia


A Secretaría Xeral de Medios, a través da Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), vai facer posible que varias familias do Concello de Monterroso poidan establecer contacto cos seus seres queridos emigrados na Arxentina (por primeira vez en moitos anos na maioría dos casos), a través de videoconferencia.

O encontro, que terá lugar este venres 26 de xuño, vai acurtar as distancias existentes entre Monterroso e o Centro Galego de Bos Aires, permitindo que moitos veciños e veciñas se comuniquen cos seus familiares a través de milleiros de kilómetros de distancia e comproben de primeria man a eficacia das novas tecnoloxías e a súa utilidade incluso para as persoas máis maiores que nunca antes pensaron ter que usar un ordenador na súa vida.

En total serán unhas vinte as familias que poidan comunicarse virtualmente cos seus familiares de Bos Aires o vindeiro venres, nunha conexión que dará comezo ás 16:00 horas e á que asistirá o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas.

Porén esta non vai a ser a primeira vez que esta localidade e Bos Aires se unan a través de videoconferencia, xa que o Telecentro de Comunicación da vila lucense leva organizados varios encontros deste tipo para que as persoas con familiares e amigos no extranxeiro, poideran verse e nalgúns casos incluso coñecerse.

A actividade enmárcase dentro da campaña de dinamización da Rede de Telecentros de Comunicación Comunícate, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Medios, nos distintos centros dependentes do Centro Mulltimedia de Galicia (CMG) co fin de dar a coñecer á poboación as distintas posibilidades que ofrecen os Telecentros de Comunicación (TC).

Os responsables da campaña aseguran que con este tipo de actividades pretenden “incorporar aos Telecentros como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e facer que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías”.

0 comentarios: