O morcego Fervello xogará cos cativos en galego

Estrean un portal lúdico-educativo destinado a crianzas de tres a seis anos. Por outra banda, o Instituto Cervantes fai balance de matrículas na nosa lingua.

Política Lingüística ampliou os servizos que ofrece a través da súa web cunha páxina dedicada aos cativos e cun espazo dedicado aos equipos de normalización e dinamización da lingua dos centros de ensino non universitario. O primeiro deles é o portal Xoga con Fervello, unha iniciativa pensada para a rapazada de entre tres e seis anos de idade.

O Xoga con Fervello pretende que os pequenos se familiaricen coa lingua galega de xeito lúdico, mediante xogos interactivos que tamén os instrúen nas habilidades básicas dos primeiros anos de idade, como a memoria visual, auditiva e numérica, a atención, a coordinación óculo-manual, o razoamento, a imaxinación ou a creatividade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística salienta que o seu obxectivo é dinamizar e promocionar de xeito activo a lingua a través das novas tecnoloxías.

O xogo ten como personaxes Xana e Fuco, dous rapaces, acompañados do can Farragús e do morcego Fervello, que guían os pequenos en cada unidade lúdica: vestir a Xana e a Fuco segundo o tempo que vai, preparar unha merenda, recoller o cuarto ou pintar.

0 comentarios: