A Universidade de Santiago estrea centro de proceso de datos

A Universidade de Santiago de Compostela presentou o seu novo Centro de Proceso de Datos, que centralizará nun único espazo os sistemas, aplicacións e os nodos de voz e datos da institución académica. Cun investimento aproximado de 315 mil euros, a execución deste centro inscríbese nas directrices do Plan Estratéxico das TIC 2007-2010 (PETIC-II). As novas instalacións están emprazadas no Pavillón de Servizos do Campus Sur.

A sala principal, de 65 metros cadrados, alberga os sistemas e equipos de comunicacións e está deseñada para satisfacer as necesidades de crecemento que neste eido experimente a USC nos vindeiros anos. A sala técnica anexa, cunha superficie de 20 metros, acolle equipos eléctricos e paneis de interconexión e telefonía.

No proxecto tendéronse mais de 8.000 metros de cableado de alta capacidade de transmisión; déronse acubillo a 12 mangueiras de fibra óptica exterior; e unificáronse nun mesmo punto servidores e aplicacións ata o momento dispersos ou albergados noutras máquinas. Ademais, dotáronse as instalacións con materiais resistentes ao lume e sistema de climatización e refrixeración para o correcto funcionamento dos equipos. Tamén se incluíu a xestión centralizada de todos os equipos e alarmas, o control de detección e un circuíto pechado de televisión.

O Centro de Proceso de Datos permitirá acadar solucións aos problemas de indispoñibilidade da rede da USC por fallos na alimentación eléctrica, ao dispor dun sistema de alimentación ininterrompida de alto rendemento, coa potencia e autonomía escalables e módulos susbstituíbles en quente. Trátase dun grupo electróxeno de emerxencia con máis de oito horas de autonomía, e mediante liñas de alimentacións e cadros independentes, para asegurar a súa operatividade en todo momento.

0 comentarios: