A comunidade Minube.com achégalles aos internautas guías de viaxe personalizadas


A rede social de viaxes Minube.com vén de facer público un servizo que podería contribuír á creación dunha Internet un pouco máis fiable en materia de recursos para o turismo. É dicir: menos dominada polo corporativo e o seu punto de vista interesado de cara a onde ir e onde aloxarse, e con maior presenza da opinión dos internautas, en ocasións (non sempre), moito máis de fiar có devandito. Máis polo miúdo, a innovación posta en xogo por Minube.com consiste en guías de viaxe personalizadas que teñen o seu xermolo en itinerarios reais dos internautas. Segundo conta Baquia.com, a dita rede social (que se aproxima ao millón de usuarios únicos ao mes) quere con esta iniciativa tirar o máximo partido á nada desprezable cifra de internautas que reúne compartindo recursos, consellos e información variada sobre os seus desprazamentos.

Neste sentido, Minube.com é case como unha versión multiplicada até o infinito da vella teima que teñen os viaxeiros de amosar aos demais coas súas fotografías, só que aquí dun xeito máis libre (non hai ninguén que che impida apagar o ordenador e liscar). De feito, no que vai de vida da rede social, xa se fixeron públicas case 400.000 fotos e 3.000 vídeos. Tendo en conta isto, e tendo en conta que a través de Minube podemos obter información pormenorizada de case todas as cidades do mundo, os responsables da rede social consideran que as guías son un xeito inmellorable de sacarlle rendemento a tanto potencial. Haberá dous tipos de guías: as de Destinos ou as Guías Persoais, que son recursos postos en marcha a partir dos recantos preferidos que os internautas foran gardando nos seus perfís.

0 comentarios: