Os ministerios de Sanidade e Industria impulsarán as novas tecnoloxías no Sistema Nacional de Saúde

A ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, e o de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, subscribiron un convenio marco de colaboración para desenvolver a segunda fase do programa Sanidade en Liña, que ten como obxectivo implantar os servizos públicos dixitais no Sistema Nacional de Saúde (SNS), dentro do eixe de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza2.

O convenio dálle continuidade ao programa Sanidade en Liña. A súa primeira fase desenvólvese no período 2005-2010 e permite completar a dotación de infraestruturas e a posta en marcha de novos servizos. O obxectivo final é mellorar a atención sanitaria grazas ás novas tecnoloxías, cun reforzamento da calidade, da eficiencia e da seguridade da atención no SNS en calquera circunstancia e punto xeográfico.

En particular, o convenio vén implantar os proxectos de Historia Clínica Dixital no SNS, xunto coas historias clínicas autonómicas, e a Receita Electrónica do SNS, como elementos esenciais de interoperabilidade. Os dous proxectos oriéntanse a poñer a disposición da cidadanía en situación de mobilidade a información clínico-asistencial que exista sobre ela, o que beneficiará aos 4,5 millóns de persoas que reciben atención médica nunha comunidade autónoma distinta da súa.

Pódense sumar ao programa as comunidades autónomas que o desexen a través da sinatura de convenios específicos co Ministerio de Sanidade e coa entidade pública empresarial Red.es. O convenio estará vixente até o 31 de decembro de 2012 e prevé un investimento estatal de 101,60 millóns de euros. Se se suman todas as comunidades autonómas, engadiranse 93,60 millóns de euros máis ao programa.

Máis información na web do Ministerio de Industria.

0 comentarios: