A Rede de Dinamización estrea nova páxina de Memoria de Muller


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta hoxe a páxina web de Memoria de Muller que, ao igual que este proxecto no seu conxunto, está adicada á memoria das mulleres galegas. As videomontaxes que nela se poden ver foron realizadas por principiantes no mundo das Novas Tecnoloxías, todas maiores de 50 anos. Estas nacen dunha iniciativa da Rede para achegar as galegas ao mundo informático e para recuperar a memoria persoal e histórica de todas esas anónimas que, non por ser descoñecidas, deixan de ser fundamentais na historia do noso país.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu cincuenta vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar á disposición dos e das internautas todas as videomontaxes realizadas polas máis de cen mulleres que participaron na iniciativa e as que participarán no futuro, pois o proxecto segue en marcha. Os que xa se poden ver son os realizados na Bola, ASORLU, Boiro, Celanova, Chantada, Curtis, Fundación CEL, Pontevedra: Ponte Sampaio, Ribadeo, San Sadurniño, Valdeorras e Vilasantar .

Ademais dos vídeos realizados polas protagonistas e narradoras, nesta nova páxina hai moita máis información dispoñíbel, como imaxes das participantes, a transcrición das súas historias, vídeos de cómo se levaron a cabo as iniciativas e fotografías das súas presentacións públicas, entre outros.

Memoria de Muller

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten os seus obxectivos fundamentais promover o uso das Novas Tecnoloxías na poboación. Dentro desta tarefa, a Rede fai especial fincapé naqueles colectivos onde a fenda dixital é máis evidente. Un destes grupos particularmente sensíbel son as mulleres de máis idade e, sobre todo, do rural. Memoria de Muller nace coa intención de propiciar un achegamento de ditas mulleres ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información.

Esta iniciativa consistiu en que cada muller, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, fixera o seu propio, contando o que cada unha considerou oportuno das súas vivencias persoais. O esquema que se seguiu foi o propio dunha creación audiovisual: primeiro escolleron a historia que cada unha delas quería contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboraron un guión. Logo escolleron as fotografías e retocaron aquelas que o necesitaban coa ferramenta Gimp. O seguinte paso foi escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez que realizaron isto, procederon a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O último proceso foi o da montaxe, no cal ensamblaron todas as pezas anteriores e onde lle deron o aspecto final que os vídeos presentan na páxina.

0 comentarios: