10 persoas con discapacidade intelectual fórmanse en novas tecnoloxías na capital galega

Fademga Feaps Galicia, a Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual do noso país, que conta na actualidade con máis de 40 entidades galegas federadas para prestarlle servizo a un total de 4745 persoas con discapacidade intelectual, vén de anunciar que dende o pasado luns, e ata o vindeiro mércores 30 de setembro, está a formar a un total de 10 persoas deste colectivo, en Internet e informática, dúas ferramentas óptimas para mellorar a autonomía dos alumnos, así como a súa capacitación para o mercado laboral.

Esta acción formativa, que se está a desenvolver en Santiago de Compostela estes días, consta de dous cursos, un de informática básica e outro de iniciación a Internet, impartidos de xeito consecutivo para optimizar a comprensión de conceptos.

Cada un deles ten unha duración de 12 horas, dedicadas a impartir contidos eminentemente prácticos, para que os alumnos inscritos poidan traballar de primeira man, as técnicas explicadas polos formadores.

Esta acción formativa ten como principais obxectivos adquirir una visión xeral sobre Internet e os ordenadores conectados á Rede e coñecer os principais servizos que ofrece a mesma, tales como a World Wide Web, o correo electrónico, os FTP, os servizos de novas, blogs...

Os cursos tamén buscan que os usuarios aprendar as operacións habituais para o manexo do navegador e realicen con éxito accións tan habituais para os internautas como son enviar e recibir mensaxes de correo electrónico, buscar información empregando buscadores ou traballar cos vínculos contidos nas webs, entre outras cousas.

Asemade, no tocante á parte física do ordenador, os asistentes a esta acción formativa, tamén aprenderán a traballar cos periféricos de entrada básicos, tales como o rato ou o teclado, e a usar a impresora ou o escáner.

Os responsables de Fademga encargados da formación en novas tecnoloxías das persoas con discapacidade intelectual pertencentes á federación, aseguran que a informática, como ferramenta fundamental na sociedade actual, vaille servir a este colectivo tanto para a súa socialización como para a búsqueda de emprego ou desempeño do mesmo en igualdade de condicións. Por iso, para que as persoas con discapacidade intelectual non queden excluídas da sociedade do coñecemento, afirman, “é necesario que adquiran as suficientes competencias que garantan un dominio mínimo das novas tecnoloxías, que permita o seu desenvolvemento social e persoal e mellore a súa integración efectiva na sociedade actual”. Por este motivo, a federación decidiu programar esta actividade, que será levada a cabo por técnicos da mesma, e que se verá ampliada noutras localidades galegas, polo éxito da convocatoria.

0 comentarios: