As videomontaxes de Memoria de Muller achéganse ás 9.000 reproduccións

A web conta polo de agora con 64 vídeos realizados en 15 concellos, que pronto irán en aumento

Os vídeos de www.memoriademuller.eu foron reproducidos xa en 8.603 ocasións desde que a páxina web se fixera pública o xoves 16 de xullo. Á cabeza das máis vistas está a videomontaxe "A miña vida no campo", de Josefa Torres Corbillón, da Bola, que foi visionada en 715 ocasións.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu 64 vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar para os e as internautas todas as videomontaxes realizadas polas 92 mulleres que participaron na iniciativa. Os que xa se poden ver son os realizados na Bola, Allariz, ASORLU, Boiro, Caldelas, Celanova, Chantada, Curtis, Fundación CEL, O Grove, Pontevedra: Ponte Sampaio, Ribadeo, San Sadurniño, Valdeorras e Vilasantar.



Memoria de Muller

O proxecto de Memoria de Muller, aínda en marcha, nace no marco da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Este levouse polo momento a cabo en 20 concellos galegos e nel participaron 92 mulleres, cada unha das cales foi narradora e directora da súa propia producción. Pronto estarán dispoñíbeis tamén na web os vídeos de Pontevedra: Monte Porreiro, Valga, Carballedo, FAVEC (Federación de Asociacións Veciñais de Vigo) e Ames.

A Rede de Dinamización ten entre os seus obxectivos fundamentais promover o uso das Novas Tecnoloxías na poboación. Dentro desta tarefa, a Rede fai especial fincapé naqueles colectivos onde a fenda dixital é máis evidente. Un destes grupos particularmente sensíbel son as mulleres de máis idade e, sobre todo, do rural. Memoria de Muller nace coa intención de propiciar un achegamento de ditas mulleres ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información.

Esta iniciativa consiste en que cada muller, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, faga o seu propio, contando o que cada unha considera oportuno das súas vivencias persoais. O esquema que se segue é o propio dunha creación audiovisual: primeiro escollen a historia que cada unha delas quere contar e, coa axuda do procesador de textos Writer, elaboran un guión. Logo escollen as fotografías, escaneánas e retocan aquelas que o necesitan coa ferramenta Gimp. O seguinte paso é escoller unha música axeitada a través das múltiples posibilidades que ofrece a Rede para atopar música libre de dereitos. Unha vez realizado isto, proceden a narrar e gravar coa súa propia voz en formato dixital a historia que previamente escribiran. O último proceso é o da montaxe, no cal ensamblan todas as pezas anteriores e onde lle dan o aspecto final que os vídeos presentan na páxina.

0 comentarios: