Cidadáns de España e Portugal poderán realizar trámites administrativos electrónicos nas dúas marxes da fronteira

Os trámites administrativos interestatais veranse axilizados grazas a un convenio asinado polos gobernos de España e Portugal. A cidadanía española poderá empregar o DNI electrónico ante a Administración portuguesa e, de maneira recíproca, a poboación lusa poderá valerse en España do seu Cartão de Cidadão.

O Ministerio español da Presidencia manifestou que este acordo será especialmente beneficioso para a poboación das zonas limítrofes dos dous estados. Isto afecta especialmente ao sur de Galicia, na que se dá unha relación crecente de cidadáns galegos e galegas coa administración portuguesa, á vez que a poboación do norte portugués toma un contacto maior coa administración galega.

O acordo asinárono a secretaria de Estado española para a Función Pública, Carmen Gomis, e a secretaria de Estado portuguesa de Modernización Administrativa, María Manuel de Lemos Leitão Marques. Trátase dun convenio de colaboración para prestar servizos de validación dos certificados electrónicos de ambos os estados.

Estes certificados poden ser os do DNI electrónico -do que xa foron expedidos 12 millóns-, os outorgados pola Casa de la Moneda ou calquera outra administración con autoridade de certificación. Desde 2006 opera en España unha aplicación informática denominada "@firma" que permite asegurar a validez do certificado electrónico empregado pola cidadanía á hora de realizar trámites coa Administración Pública vía Internet. Portugal, pola súa banda, tamén emite o seu Cartão de Cidadão electrónico e está a desenvolver o Sistema de Certificación Electrónica do Estado.

Primeiro proxecto continental

Esta é unha das poucas iniciativas de tales características en Europa e segue a liña do proxecto europeo STORK, do que forman parte 14 estados membros para o recoñecemento mutuo das súas identidades electrónicas. De feito, a colaboración hispanolusa é un paso pioneiro de integración, previo aos proxectos piloto de interoperabilidade a grande escala entre todos os estados.

0 comentarios: