Google estrea unha aplicación para engadirlle comentarios ás webs visitadas


O xigante americano Google, sabedor de que as grandes vantaxes da Rede radican basicamente na posibilidade de poder compartir coñecementos e experiencias con outros internautas (daí o grande éxito que están a ter na actualidade as redes sociais), vén de lanzar a Sidewiki, unha ferramenta que lle permite aos usuarios e usuarias facer comentarios ou dar opinións e información adicional mentres visitan un sitio web, e compartilos con outros internautas.

Para acceder a esta nova ferramenta, a persoa interesada tan só terá que facer click no botón correspondente na barra e, ao instante, despregarase na marxe esquerda da páxina un espazo sobre o que se poderá redactar aquela infomación que se pretenda compartir co resto de internautas.

Estes comentarios e opinión son públicos para todos aqueles usuarios e usuarias que teñan instalada a barra Google, e permiten enriquecer o contido das páxinas, aportando información adicional, que dependendo de quen veña poderá ser máis ou menos seria e fiable.

Segundo informou o director de Xestión de Produtos de Google, Tom Stocky, “moitos daqueles que visitan unha web teñen coñecementos, opinións ou experiencias que poderán mellorar moito as visitas que fagan no futuro outras persoas a esa mesma web”; “ao engadir un elemento interactivo á visualización dunha páxina web”, continúa, “Sidewiki permite incrementar o intercambio de información en liña e mellorar a experiencia xeral da xente en Internet”.

As entradas feitas a través desta ferramenta tamén se poden compartir en Facebook ou Twitter, ademais de enviar a ligazón directamente por correo electrónico.
Por poñer un exemplo da utilidade desta ferramenta, a propia compañía achegou o seguinte: “se estás a ver unha páxina da Wikipedia sobre Rajmáninov e ti publicaches un vídeo no que saes tocando o preludio deste compositor, xa podes insertalo de xeito doado nunha anotación de Sidewiki para que outros internatuas o vexan”.

Este non creo que sexa o caso de ningún internauta coñecido noso, pero se hai algo que sobre na Rede, iso son usuarios con ganas de saltar á fama a calquera prezo... o tempo dirá se a utilidade da ferramenta radica en complementar as webs con información ou, pola contra, en entorpecer a lectura dos usuarios con insercións de contidos absurdos e sen xeito.

0 comentarios: