Google permitirá que os usuarios recuperen e trasladen os seus datos


O buscador Google semella non ter parada na súa arela de implicar aos internautas na construción da Rede. Segundo se nos conta hoxe, a multinacional estaría neste intre a desenvolver un sistema íntegro para abrirlles aos seus usuarios a posibilidade de facerse coa información que teñan depositada en servizos como Blogger ou GMail. A iniciativa, que amais de ampliar a marxe de manobra dos internautas forma parte dunha estratexia do buscador para conseguir que as persoas que empregaron as súas ferramentas non deixen de facelo, é a xuízo de Google un xeito de poñelo todo máis doado na Internet. Deste xeito, engade, todo aquel que queira recuperar a información do seu correo (en Gmail) ou das súas entradas nos blogs (en Blogger), estarán en disposición de facelo.

En opinión de Google, a manobra en cuestión está lonxe de traballar no que algúns xa cualifican de omnipresencia dos seus servizos. Para o buscador, está claro que os datos eran dos internautas e que había que facer algo para devolverllos en canto quixeran.

É nesta liña, precisamente, onde se insire a Fronte de Liberación de Datos que creou a compañía hai dous anos co obxectivo de facer máis doado o traslado da información persoal cara aos seus directos responsables, os internautas. Esta Fronte basea unha boa parte do seu traballo na crenza de que cómpre deixar abertas as portas dos servidores da Rede para que os internautas pasen a ser plenamente construtores da Internet.

0 comentarios: