Google Sync permite acceder a Gmail mediante push

A comezos de ano lanzouse Google Sync coma un servizo que permite sincronizar os contactos de Gmail e o calendario de Google con terminais móbiles con Windows Mobile ou S60, así coma co iPhone e o iPod Touch, e son precisamente os usuarios dos dispositivos de Apple os que agradecerán que veñan de mellorar o servizo para incorporar a tecnoloxía push para as mensaxes de correo de Gmail, o que implica que os usuarios poidan recibilas no seu terminal de xeito pasivo, ou sexa, que os correos electrónicos irán a parar case instantaneamente aos dispositivos móbiles sen ter que entrar na aplicación de correo electrónico para consultar se hai mensaxes novas.

O iPhone incorporou o soporte da tecnoloxía push para poder competir cos terminais Blackberry, pero ata o momento estaba limitado a contas de correo subministradas por Apple (de pago), e agora tamén pode empregarse con contas de Gmail, o que agradecerán os usuarios, pois poden contar así cunha prestación avanzada sen custos adicionais.

Aparte de no iPhone e o iPod Touch, o correo push de Google Sync tamén funciona con terminais co sistema operativo Android e incluso co Palm Pre.

0 comentarios: