Nova demanda á Wikipedia por ofrecer información supostamente deformada


En ocasións, o coñecemento é unha lousa. Ter lido moito non nos sitúa en posesión de toda a verdade… nin tampouco o contrario. A cousa se complica cando falamos de varias persoas achegando información, tendendo a pornos ao límite da vertixe cando do que se trata é dunha comunidade internauta por enteiro subministrando datos. Que isto xere vantaxes e inconvenientes é case inevitable. Así llo debe parecer a unha boa parte dos internautas logo de asistir aos ataques da filla adoptiva de Jacques Chirac contra un dos grandes símbolos do coñecemento colectivo en liña: a Wikipedia.

Segundo se conta en Silicon News Francia, as queixas xa remataron en demanda en toda regra contra a enciclopedia en liña. A razón? Ao parecer, Anh-Dao Traxel (a filla de Chirac, quen foi presidente de Francia) non viu con bos ollos a reconstrución da súa vida achegada pola Wikipedia, máis en detalle o período que abrangue entre o seu casamento e o seu divorcio.

Segundo informa Traxel, a información que subministra a enciclopedia está deformada, xa que segundo se conta nela, a demandante tería abandonado aos seus fillos e mans do seu home, sendo o seu obxectivo refacer a súa vida co seu segundo marido e así gozar do seu apelido e das vantaxes ligadas ao mesmo. Para Traxel, como se pode supoñer, a realidade é outra.

Porén, a Wikipedia nin lle dá nin lle quita a razón, pero deixa claro que ela non é responsable do artigo senón máis ben a persoa que o redactou e que se agocha baixo o pseudónimo Homminex. Asemade, advirte que este tipo de situacións van camiño de chegar á súa fin coa posta en marcha dunha serie de medidas que contribúan a verificar a información, como por exemplo a aplicación de cores distintivas que sirvan para dar conta da fiabilidade do texto e deixen fóra de xogo aos internautas que non se cinguen á verdade.

0 comentarios: