O futuro dos medios na rede debátese en Santiago

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organiza o próximo martes en Santiago a xornada 'Presente e futuro da prensa escrita e a televisión', no que directivos de diversos medios de comunicación analizarán as "claves" do novo modelo de negocio en prensa e televisión.

O acto, que se desenvolverá no hotel Porta do Camiño dende as 9.15 ata as 19.30 horas, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios de la Xunta, a Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia (DirCom Galicia) e o Cluster Audiovisual Galego.

Segundo destacou a APD hoxe, o encontro busca "explorar as claves do novo modelo de negocio, xurdido a raíz da xeneralización de internet e os cambios nos patróns de consumo da información e o entretemento".

Así, directivos de medios de comunicación e de diversas empresas vinculadas ao sector "afondarán nas causas e consecuencias" do "punto de inflexión" en que se atopan as empresas de comunicación, que indicou que "foi motivado" pola crise global e a revolución dixital.

Os asistentes ás charlas analizarán o impacto que están a causar estes cambios, "tanto na organización operativa interna dos medios, coma nas súas contas de resultados".

O director xeral de APD Noroeste, Santiago Sesto, e o vicepresidente de DirCom, Manuel Vázquez, inaugurarán a xornada xunto ao secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, ás 9.30 horas.

A continuación, o especialista en tecnoloxía, información, comunicación e entretemento de PricewaterhouseCoopers, José Antonio Ortega, tratará o valor da marca no futuro dos medios de comunicación.

Tras a súa intervención, a xerente do Cluster Audiovisual Galego, Carla Reyes, moderará o debate 'A televisión dixital en España. Horizonte 2010', con tres bloques temáticos.

O primeiro deles centrarase na nova regulación do sector e contará coa participación da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; o director de TVE en Galicia, Xabier Fortes; o secretario xeral de Unión de Televisións Comerciais Asociadas (Uteca), Jorge del Corral; e o directivo de Academia TV, Florencio Carrera.

O segundo, pola súa parte, sobre o apagamento analóxico e a televisión de pagamento, terá como protagonistas o presidente de Impulsa TDT, Eladio Gutiérrez; o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Albertis Telecom, Josep Ventosa; o director xerente de Retegal, Jesús García Porto e o director xeral de Estratexias de Televés, José Luis Fernández.

Ás 12.45 comezará o terceiro e último bloque, no que o xerente de R, Antonio Rodríguez; o director da área audiovisual da Corporación Voz de Galicia, Carlos Carballo; o director xeral de Popular Televisión, Rafael Ramos e a delegada en Galicia de Filmax, Inmaculada Castiñeiro, falarán sobre os contidos no novo contexto audiovisual e a segmentación de audiencias.

A sesión da mañá pecharase coas intervencións dos directores de Soitu, Gumersindo Lafuente, e de Xornal.com e Xornal de Galicia, Xosé Luis Gómez. Ambos os dous serán moderados polo responsable en Galicia de PricewaterhouseCoopers, Juan Carlos Maneiro, para charlar sobre 'Os medios dixitais. Novos modelos de negocio'.

O debate retomarase ás 16.30 horas co tema 'Reformulación e respostas ante a contracción do mercado publicitario. Modelos alternativos de negocio', co presidente de Ecovigo, Carlos Prado; o director xeral de Eloxia Media, Rubén López; e o conselleiro delegado de Consultoría Empresarial de Comunicacións, Matías Branso.

'A prensa escrita: crise e supervivencia. Novos modelos de negocio' e 'Medios impresos: outros modelos de negocio' completan o programa.

0 comentarios: