Política Lingüística renova a súa web con novos contidos

Coincidindo co inicio do curso escolar, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de incorporar á web dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) novos contidos de interese para os centros. Unha das novidades máis interesantes da web, que tamén incorpora un novo deseño, é o espazo no que os ENDL poden compartir as experiencias e iniciativas levadas a cabo nos seus centros.

Ademais, a web dos ENDL incorpora información de utilidade que vai desde recomendacións para a elaboración do proxecto de dinamización lingüística dos centros ata propostas de traballo para o comezo do curso. A través desta web, que se pode consultar na dirección www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion, os ENDL tamén poden obter información sobre blogues de interese, iniciativas para a familia ou recomendacións bibliográficas sobre diversas temáticas como o ensino de alumnado inmigrante.

Política Lingüística puxo en marcha o pasado mes de xuño este espazo na rede co obxectivo de difundir e axudar a facer máis visible as experiencias dinamizadoras levadas a cabo polos ENDL, onde ademais poden compartir recursos, ferramentas e información.

O papel dos ENDL

Os ENDL, formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non docente, comezaron a funcionar nos centros de ensino galegos no curso 1990-1991. A súa creación responde ao obxectivo da Lei de normalización lingüística de 1983 de conseguir que os alumnos e alumnas adquiran unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. Na actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos.

Renovación do boletín sobre novas do galego

O boletín semanal sobre a actualidade da lingua galega que se distribúe a través do correo electrónico tamén acaba de estrear novo deseño e xa conta con máis de 1.000 subscritores. Para recibilo e estar informado das novidades do galego, pódese realizar a subscrición na páxina web www.xunta.es/linguagalega.

0 comentarios: