A Rede de Dinamización supera os 25.000 usuarios e usuarias


Neste mes, as persoas participantes en actividades formativas foron xa preto de 400

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información traspasou a barreira das 25.000 persoas rexistradas; concretamente, os seus usuarios e usuarias supoñen xa 25.569 desde que este proxecto botara a andar en xaneiro do ano 2007. Desa data até hoxe impartíronse 5.216 obradoiros tecnolóxicos variados, nos que se formaron 33.476 participantes que acudiron ás 43.163 horas que supuxeron.

Tamén se realizaron 357 iniciativas (que contaron con 14.400 participantes) e 617 actividades de difusión, ás que asistiron 3.498 persoas. Asemade, a Rede puxo en marcha 61 cursos de formación específica para PEMES e microPEMES, que supuxeron 1.508 horas e nos que se formaron a 674 alumnos e alumnas. 300 charlas contaron con 2.539 asistentes. Por último cabe subliñar tamén a realización dun plan de teleformación para a cidadanía, no que participaron 1.026 persoas.

Tras o descanso estival, o mes en curso está a deixar uns datos plenamente satisfactorios, con 411 novos rexistros e 5.308 usos das instalacións da Rede. É de rigor destacar así mesmo os 133 obradoiros desenvoltos nestas case tres semanas, así como os seus 383 participantes e as súas 1.050 horas formativas, e tamén hai que pór de manifesto as 39 charlas programadas para setembro e os seus, polo de agora, 219 participantes.

0 comentarios: