Unha páxina web promoverá o uso do coche compartido entre a cidadanía e visitantes de Ferrol

Redución de emisións nocivas á atmosfera e aforro económico para a cidadanía. Tales son as metas de 'Compartes coche?', a nova web que promoveu o Concello de Ferrol a través da súa Concellaría de Medio Ambiente e Servizos. A páxina permite aos usuarios ofertar percorridos e solicitalos, poñéndoos en contacto por correo electrónico.

Compartes coche? foi desenvolvida desde o propio Concello e está integrada no portal municipal. Trátase dunha aplicación sinxela destinada a que os usuarios se inscriban, ben para ofrecer un traxecto, ben para apuntarse a outro preestablecido. O programa ofrece vantaxes para a poboación local en especial, pero tamén para aquelas persoas que visitan Ferrol esporádica ou puntualmente.

A persoa que procure acompañantes para o seu traxecto deberá rexistrase na web cubrindo un formulario cos seus datos persoais, se ben só se mostrará publicamente o seu nome. Unha vez rexistrado, o usuario poderá introducir a información relativa ao traxecto: orixe, destino, frecuencia, motivo, hora de saída e regreso e comentarios adicionais.

Aquelas persoas interesadas nun traxecto dado tamén deberán rexistrarse na web. A súa solicitude chegaralle á persoa ofertante, que poderá aceptala ou rexeitala. O contacto establécese sempre vía correo electrónico, a fin de manter o anonimato das persoas participantes.

A iniciativa presentouse no marco da Semana da Mobilidade e do Día sen Coches que está a celebrarse en Ferrol. A través dela, a cámara municipal quere mellorar a eficiencia do sistema de transportes e incrementar a ocupación dos turismos privados. Nos percorridos urbanos, a ocupación é de tan só 1,2 pasaxeiros por turismo.

As estatísticas indican que un de cada tres traxectos realizados nas cidades se desenvolven en vehículo privado. As viaxes compartidas xogan, xa que logo, a favor da redución das emisións de CO2 e dos gastos derivados do combustible e o mantemento do vehículo. E tamén permiten reducir outros custos derivados, como a conxestión viaria, a contaminación acústica ou a accidentabilidade.

0 comentarios: