A web do Sergas xestionou case un millón de citas médicas no primeiro semestre


Un total de 951.233 citas médicas foron tramitadas a través da páxina Sergas.es durante o primeiro semestre deste ano. E ese número segue a aumentar. As citas de Atención Primaria medraron en máis de 360 mil, comparado co ano anterior.
Servizo Galego de Saúde

Por número de pacientes, as áreas onde máis se emprega esta modalidade son a de Vigo, con 235 mil, e a da Coruña, con 161 mil, seguida da de Santiago, con 149 mil.

A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a administración sanitaria galega perseguía o obxectivo de facilitarlles aos cidadáns as interacción e relacións coa administración sanitaria.

Dende o seu inicio, o Servizo Galego de Saúde garantiu que todas as transacións efectuadas mediante este procedemento nas que interveñen datos de carácter persoal son feitas coas máximas garantías de seguridade.

Ademais, a través da páxina Sergas.es ofrécese un amplo catálogo de servizos, entre os que se inclúe a petición de cita previa, pero tamén outros como cambiar de médico, ou realizar trámites de tarxeta sanitaria. Tamén se pode coñecer o abano de facultativos dispoñibles e os lugares e horarios de consulta de cada un dos centros de saúde.

0 comentarios: