As empresarias da Coruña levan a informática ao pequeno comercio

A Asociación de Empresarias da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), organiza o vindeiro mércores 4 de novembro un encontro formativo encamiñado a amosar as moitas vantaxes que o uso dos recursos dixitais teñen para as pequenas e medianas empresas e para o pequeno comercio. Máis polo miúdo, trátase dun seminario práctico a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: A importancia de informatizar o comercio. A sesión, que será impartida polo Centro Europeo de Innovación de Galicia (BIC Galicia), terá lugar na aula de formación da dita Asociación (avenida Alcalde Pérez nº 53) entre as 20.30 e as 22.30 horas.

Segundo contan os organizadores, trátase dun seminario gratuíto dirixido sobre todo a xerentes e traballadores do pequeno comercio. Os obxectivos do curso, que achegará ao seu remate certificados de asistencia, son os de configurar ou mellorar as novas tecnoloxías no devandito sector e achegar os coñecementos precisos para o seu uso. O curso será impartido por Óscar Doce López.

Aquelas persoas interesadas en asistir ao seminario poden realizar a súa inscrición ou ampliar a información chamando ao teléfono 981 297 870 ou ben a través do correo electrónico info@aeco.org.es.