Meteogalicia mellora o seu servizo web cunha nova páxina

Xa está dispoñible a nova páxina web de MeteoGalicia, que incorpora importantes novidades co obxectivo de mellorar a súa navegabilidade e ofrecer aos usuarios mais información, novas ferramentas e servizos e unha distribución dos mesmos mais personalizada, xa que o internauta poderá organizar a páxina de inicio segundo as súas preferencias.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou o novo portal, nunha visita á sede central do organismo na que aproveitou para coñecer de preto as instalacións e saudar aos profesionais que traballan na axencia galega de meteoroloxía.

A páxina web de MeteoGalicia recibe un promedio de 380.000 visitas diarias, alcanzando a cifra de 92 millóns de páxinas vistas nos primeiros 8 meses do 2009. No mes de agosto superouse o millón de usuarios diferentes que visitaron a páxina web no ano 2009. Segundo o ranking de Alexa, MeteoGalicia está entre as 10 web mais visitadas de Galicia e entre as 1.000 mais consultadas de España.

Actualización constante

Hernández destacou que MeteoGalicia actualiza os contidos da web para adaptar a páxina aos novos retos tecnolóxicos. O novo portal estivo exposto a consulta pública durante uns meses, ao longo dos cales os usuarios mandaron diversas suxestións que foron incorporándose.

Así, a nova web incorpora os elementos principais de MeteoGalicia baseados na predición diaria e os datos en tempo real da rede de observación meteorolóxica e oceanográfica. Unha das novidades mais salientables reside en permitir a súa configuración polo usuario, o que lle posibilitará ter os produtos de predición dispoñibles inmediatamente sen necesidade de buscalos. Asemade, tense configurado un servidor RSS para que o cidadán poida recibir suscripcións aos diferentes servizos de MeteoGalicia, co cal se pode compartir a información e usala noutros sitios web ou programas.

Outra das melloras importantes consiste nun sistema de alertas por adverso meteorolóxico en forma de mapas con cores por concello, que indicarán a gravidade do fenómeno para os próximos dous días. Tamén se mellora a predición a medio prazo para os pŕoixmos 10 días, que agora permite a territorialización por localidades.

Engádense, ademais, novos produtos derivados do satélite Meteosat (isobaras, índices de risco de incendios, niveis de irradiación solar, temperatura da auga...) así como unha publicación dos mesmos que pasa de ser cada 6 horas a ter dita información cada 15 minutos. A nova páxina web e as innovacións introducidas permitirán incorporar en breve novos servizos, como redes de observación; detección de raios, radar, etc. dun xeito máis amigable para o público.

0 comentarios: