Os despidos da Xunta en I+D poden deixar sen servizo a 26.000 persoas

Dende a posta en marcha no 2007 de Rede de Dinamización, un dos proxectos do Plan Estratéxico Galego da Sociedade Información, un total de 49 centros localizados en distintos puntos de Galicia, en especial no rural, contribuiron á difusión das novas tecnoloxías da información (TIC) a través de obradoiros, cursos online ou aulas de informática. Estes espazos contan xa cun total de 26.000 usuarios en toda Galicia, que poderían verse afectados polo despido de 45 responsables técnicos destes proxectos.

O pasado 15 de setembro, a Administración iniciou un proceso de rescisión de contratos co despedimento de 14 traballadores do Centro de Referencia e Servizos de software libre (Mancomún) e doutros programas tecnolóxicos, namentras esta semana notificou a uns 120 empregados máis da Fundación Calidade a data de finalización do seu proxecto laboral, o 31 de decembro, segundo confirma a CIG. Todos eles pertencen a iniciativas que impulsara o Goberno bipartito, mentres a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da que dependen os proxectos afectados, aínda non concreta os plans que ten para eles.

Precisamente, un dos programas máis afectados sería a Rede de Dinamización, que incide, fundamentalmente, en reducir a fenda dixital de sectores como maiores, discapacitados, mulleres ou colectivos con dificultades de acceso ás novas tecnoloxías. Este programa contaba tamén con asesores que orientaban a distintas entidades sobre a mellor maneira de implementar o uso das TIC e que mesmo se desprazaban pola vilas galegas fomentando o uso deste tipo de tecnoloxías.

Este servizo está presente en máis de 70 concellos, localizados, sobre todo en zonas rurais onde existen máis dificultades de acceso a internet. Estes centros están equipados con ordenadores que empregan un sistema operativo libre e en galego como o Galinux. Así mesmo, a Rede Dinamización conta con 49 telecentros, dotados de material informático e audiovisual para familiarizar aos cidadáns coa linguaxe multimedia.

A comunidade de usuarios de software libre xa manifestou a súa inquietude ante a falta de concreción da Xunta sobre estes proxectos e sobre a posibilidade de que non continúen, polo que se dirixirá á Administración para transmitir a súa postura. Porén, nalgúns casos, recoñecen a necesidade de “desvincular da política as cuestións asociadas ao manexo de estándares abertos e difusión das TIC”, explica David Martínez, voceiro do GUL (grupo de usuarios de Linux) Ousli.

0 comentarios: