Os servizos sociais, máis preto grazas a un novo titorial dos Telecentros


A Rede é un servizo de información de primeira orde. As posibilidades de tirarlle partido para mellorar no posible a nosa calidade de vida son ben grandes. Porén, ás veces o coñecemento que nos pode axudar, malia estar preto, non está cen por cen visible. Facer que non pasemos de largo sen velo é o gran obxectivo dos titoriais que está a presentar a Secretaría Xeral de Medios: recursos para que obteñamos o mellor da Rede na Rede de Telecentros espallada por toda a nosa xeografía e pertencente ao devandito departamento.

Se hai uns días falabamos do titorial encamiñado a favorecer o noso día a día, agora toca facelo dunha nova entrega presentada hoxe: o titorial Servizos Sociais na Rede.
A achega, avaliada en detalle polo subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicacións, Ignacio Otero, vai dirixida a amosarnos as facilidades que a Rede nos pode achegar na obtención de coñecemento práctico sobre as áreas que abranguen os servizos sociais.

A presentación da iniciativa, na que tamén estivo presente Modesto Rouco (subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal), celebrouse en espazos diferentes da nosa xeografía e de xeito simultáneo: en Santiago (sede física da presentación), A Cañiza, Tui, Ourense, Lugo, Betanzos e Oroso. A clave: tirar partido da videoconferencia dende os Telecentros de Telecomunicacións.
Por certo que o titorial, que é un engadido formativo para as usuarias e usuarios dos ditos Telecentros, xurde no marco do proxecto multimedia da campaña Comunícate, da Secretaría Xeral de Medios. Como dixemos, o gran obxectivo desta nova entrega é facilitar o camiño da cidadanía aos servizos sociais, recursos que a día de hoxe se teñen convertido “no cuarto piar dos sistemas de benestar da sociedade”, subliñou Modesto Rouco durante a presentación. En definitiva, trátase dunha guía para coñecer de primeira man o que poden facer por nós as institucións e organizacións en materia de atención á discapacidade, dependencia, inclusión social ou políticas destinadas á mocidade. Asemade, serve tamén para facer máis doado, a través da Rede, o camiño da posta en marcha e desenvolvemento dos trámites dispoñibles.

0 comentarios: