A Universidade de Vigo presenta un curso sobre a Web 2.0 na educación

A Universidade de Vigo quere tirarlles partido a todas as novidades da Rede para mellorar na medida do posible a súa oferta docente. Máis polo miúdo, a intención é centrarse en todo aquilo que favorece a comunicación libre, a colaboración activa e san entre usuarios e, sobre todo, a posibilidade de construírmos, coas nosas propias mans e dende unha postura de simples internautas, a Internet mesma. En definitiva, do que se trata é de adaptar a Rede 2.0 á docencia, e viceversa. Este é o gran obxectivo do curso Aplicacións Educativas da web 2.0 que organiza a Vicerreitoría de Formación, unha iniciativa nova (vai pola primeira edición) e que se dirixe a familiarizar aos profesores coas ferramentas máis salientables da Rede social e guialos logo na aplicación á súa actividade diaria.

Máis polo miúdo e segundo conta a Universidade, o gran obxectivo do curso é achegar aos docentes o pulo inicial para que entren nas ferramentas 2.0, das que non deberían ficar á marxe nin permitir que o seu alumnado chegase a desaproveitalas como métodos de comunicación e formación.

A iniciativa, tras unha primeira toma de contacto cos fundamentos básicos da Rede social, entrará de cheo na presentación de aplicativos e servizos como Google e seus apartados Groups, Calendar ou Talk; o soporte para publicar presentacións Slideshare, marcadores sociais como Mister-Wong ou comunidades de traballo cooperativo como Xing. Máis adiante, a iniciativa docente abordará cuestións vinculadas ao fenómeno blog (onde o internauta se converte en xestor dun espazo propio de seu dende o que se comunica co mundo e permite que o mundo se comunique con el) e a súa vertente máis didáctica.

A previsión é finalizar o curso coa creación dun wiki, espazo web colectivo que se abre á colaboración de múltiples internautas a través do navegador web. Os interesados en participar nesta actividade, que se desenvolverá os días 23, 25, 27 e 30 de novembro e 2 de decembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, poderán formalizar a matrícula ata o 20 de outubro.

0 comentarios: