A Secretaría Xeral de Medios presenta un titorial sobre a TDT dispoñible na Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia

A xefa de servizo de Programación Multimedia, da Secretaría Xeral de Medios, Felicitas Rodríguez, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira, presentaron hoxe un titorial sobre a TDT co obxectivo de amosar a todos os usuarios da Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia as vantaxes que ofrece este novo sistema fronte á forma tradicional de ver a televisión. O titorial presentouse hoxe no Centro Multimedia de Galicia de Santiago de Compostela e puido seguirse a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Abegondo, Tui, Vilagarcía de Arousa, Guitiriz e O Barco de Valdeorras.

Felicitas Rodríguez lembrou que este titorial «desenvólvese no marco do proxecto multimedia de formación da campaña Comunícate», que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC).

Trátase dunha serie de titoriais interactivos que teñen o obxectivo común de facilitar aos usuarios dos Telecentros de Comunicación determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos.

Dende hoxe, o titorial sobre a TDT estará dispoñible, para todos aqueles interesados, nos telecentros de comunicación que a Secretaría Xeral de Medios ten repartidos nas catro provincias galegas. O acabado de nomear decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, José Pereira, felicitou durante a súa intervención á Secretaría Xeral de Medios por este tipo de iniciativas «necesarias para que os cidadáns coñezan todos os pasos a seguir e poidan estar preparados de cara ao tan anunciado apagamento analóxico».

0 comentarios: